jueves, 23 de octubre de 2014

Coñece o novo xeoportal web da ruta "Vilas Amuralladas"

O pasado 16 de outubro presentábase na cidade de Lugo o xeoportal web da ruta "Vilas Amuralladas".

Trátase dunha aplicación interactiva cuxa finalidade principal é a de dar a coñecer a través de internet esta nova ruta turístico-cultural de carácter transfronteirizo dedicada á divulgación e difusión do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico de cinco cidades e vilas amuralladas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se caracterizan por posuír unha cultura e un pasado común.

Lugo - Santiago de Compostela - Melgaço - Monçao - Valença

Esta xanela á nosa historia ábrese a través dunha visita virtual e xeolocalizada ós principais monumentos destas cidades e vilas, entre os que destacan as súas murallas, testemuño fiel da súa evolución histórica e urbanística e que co tempo convertéronse, na maioría dos casos, no seu aceno de identidade, utilizando, para iso, as últimas técnicas en visualización.

Esta acción enmárcase dentro do proxecto europeo Muralla Dixital, proxecto financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal 2007-2013 (POCTEP).

Agardamos a vosa visita! http://www.vilasamuralladas.eu/