miércoles, 22 de enero de 2014

A fotogrametría dixital aplicada ó patrimonio


O ser humano sempre intentou capturar o que o rodea. A necesidade de representar ruínas e monumentos estendeuse como unha praga a partires do século XVIII e todavía hoxe non parou pero, que dirían os viaxeiros do Grand Tour se soubesen que hoxe podemos capturar en minutos as tres dimensións dun obxecto?

Cada día preséntanse novos achados que ata agora só cabían en lendas de ciencia ficción e centos de expertos arqueólogos, historiadores da arte, restauradores...comezan a pensar como aproveitar estas ferramentas no estudo do patrimonio. Unha delas é a fotogrametría dixital. Esta configúrase coma un método para captar documentación no patrimonio cultural. A mellora e impulso que viviu este método nos últimos anos situárona como unha alternativa de garantías respecto ó outro método de documentación e obtención masiva de datos: o Escáner 3D. Coa fotogrametría dixital podemos construír un modelo 3D a partir dun grupo de fotografías dun obxecto ou edificio, obtendo en poucas horas a representación tridimensional precisa daquilo que fotografásemos.



As vantaxas que dita técnica ofrece coa súa aplicación ó patrimonio son innumerables. En primeiro lugar, é completamente gratuíta ou, en todo caso, alcanzable. Por outro lado, permite que calquera estudoso da fotogrametría poida realizar os seus propios levantamentos tridimensionais cunha cámara dixital ou, mesmo, cun bo smartphone. Terceiro, achega unha cantidade de información superada en poucas ocasións pola que se consegue co escáner láser. E xa, para rematar, presenta unhas posibilidades didácticas e divulgativas extraordinarias, podendo ser unha boa porta para a difusión do noso patrimonio e a creación de coñecemento.

Non obstante, non todo van ser bondades. O uso da fotogrametría por xente non experta pode dar lugar a resultados de dubidosa calidade científica. Ademáis debemos considerar que para o correcto uso da técnica é necesaria unha alta iluminación difusa xa que levala a cabo en lugares escuros ou excesivamente iluminados pola luz do sol trae consigo molestos erros. E certo que vivimos unha das épocas máis fascinantes para o estudo do patrimonio e temos a inmensa sorte de toparnos con restos de pasados inesperados que podemos estudar con técnicas dun futuro ata agora imposible, pero o que deberemos ter sempre en conta é que a fotogrametría é unha ferramenta, non un fin.


Fontes: 
  • Aparicio Resco, Pablo. La fotogametría digital para la documentación 3D del patrimonio. Dispoñible na web: http://queaprendemoshoy.com
  • http://www.patrimoniovirtual.com
  • Imaxe: http://www.arquestil.com





No hay comentarios:

Publicar un comentario