jueves, 23 de octubre de 2014

Coñece o novo xeoportal web da ruta "Vilas Amuralladas"

O pasado 16 de outubro presentábase na cidade de Lugo o xeoportal web da ruta "Vilas Amuralladas".

Trátase dunha aplicación interactiva cuxa finalidade principal é a de dar a coñecer a través de internet esta nova ruta turístico-cultural de carácter transfronteirizo dedicada á divulgación e difusión do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico de cinco cidades e vilas amuralladas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se caracterizan por posuír unha cultura e un pasado común.

Lugo - Santiago de Compostela - Melgaço - Monçao - Valença

Esta xanela á nosa historia ábrese a través dunha visita virtual e xeolocalizada ós principais monumentos destas cidades e vilas, entre os que destacan as súas murallas, testemuño fiel da súa evolución histórica e urbanística e que co tempo convertéronse, na maioría dos casos, no seu aceno de identidade, utilizando, para iso, as últimas técnicas en visualización.

Esta acción enmárcase dentro do proxecto europeo Muralla Dixital, proxecto financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal 2007-2013 (POCTEP).

Agardamos a vosa visita! http://www.vilasamuralladas.eu/




lunes, 15 de septiembre de 2014

Xornadas Europeas do Patrimonio: "As Muralhas Digitais do Noroeste Peninsular"

O próximo 26 de setembro en Valença, terán lugar as xornadas “O patrimonio dixital nas Muralhas do Noroeste peninsular”. Este evento englóbase dentro das xornadas de clausura do proxecto Muralla Digital, cofinanciado por o POCTEP. Agardámosvos!




Ficha de inscrición




miércoles, 5 de marzo de 2014

O albergue de San Teotonio


O albergue de San Teotonio é unha estrutura de apoio ós peregrinos do Camiño Portugués para Santiago. Foi a primeira en nacer en Portugal co obxectivo de apoiar as peregrinacións xacobeas. 

Este albergue era a antiga Casa dos Maxistrados que foi adquirida polo Concello e posteriormente recuperada.  Situado a tan só 300 metros da sección portuguesa do Camiño de Santiago configúrase coma un punto estratéxico da cidade de Valença. O albergue ten o nome de San Teotonio, en homenaxe ó primeiro santo portugués nacido en Valença, quen tamén foi peregrino a Terra Santa. O Mosteiro de Santa Cruz de Coímbra, fundado por San Teotónio, mantivo unha estreita relación con Santiago de Compostela  por mediación do santo valenciano. 

Este albergue configúrase como unha estrutura vital de apoio ós peregrinos que fan este trazado secular e permite un adianto importante na potencialización do camiño portugués.





Fonte: www.viasatlanticas.depo.es / Imaxe: www.gronze.com

viernes, 21 de febrero de 2014

A ponte romana de Lugo


Galicia é unha terra rica en pontes romanas, sobre todo na provincia de Ourense. Non é frecuente encontrar restos romanos nas pontes, aínda que moitos se chamen así porque se sabe que nese lugar houbo unha construción romana. No caso da ponte romana de Lugo vemos técnicas de uso corrente no Imperio. 

Esta ponte, constriuda polos romanos a comezos do século I, marcaba a saída da vía XIX que ía de Lucus Augusti a Bracara Augusta, as dúas capitais romanas da Hispania noroccidental. Esta ponte tiña un ancho maior ó actual e alcanzaba os sete metros. Por ela accedíase á cidade de Lucus Augusti, atravesando unha calzada que en zig-zag alcanzaba a Porta Miñá da muralla.

A ponte, destruida parcialmente coas invasións bárbaras, foi obxecto de varias reconstruccións nos séculos XII, XIV y XVII. Durante a Idade Moderna tivéronse que realizar varias reparacións e, finalmente, en 1893 o seu aspecto foi bastante modificado, ó suprimírselle varios elementos. Por iso, os fundamentos da ponte actual (chamada vella ou romana) son, en boa parte, os orixinais.

A Ponte continuou desempeñando ó longo do tempo a súa función, servindo de paso sobre o río Miño a peóns e ó tráfico rodado. Peonil dende hai uns meses loce, a día de hoxe, unha estampa nocturna digna dunha cidade que pretende converter o seu pasado romano en atractivo turístico.





Fonte: www.lugoaccesible.net; elprogreso.galiciae.com; rincones-del-mundo.stabri.com/ Imaxe: Óscar Cela.




martes, 4 de febrero de 2014

A lenda de São Teotónio, o primeiro santo portugués



Un día de festexos na cidade de Tui os pais de San Teotónio foron a unha romaría en Galicia. Segundo a crenza popular, Teotónio ficou en Ganfei a tomar conta dos campos de centeo para non deixar ós paxaros pousarse no cereal. 

O desexo por ir tamén ata a romaría, levou Teotónio a meter os paxaros todos nun cesto. Cun simple asubío atraeu os paxaros ata o cesto, onde ficaron pechados para así quedar liberado da súa tarefa. Chegado ás marxes do río Miño, non esperou pola barca de paso e colocou a chaqueta nas augas do río para poder atravesar ata a outra marxe.

Os pais cando o encontraron en Tui dixéronlle: -Teotónio a estas horas xa os paxaros comerían todo o cereal- ó que Teotónio respondeu: -Os paxaros están todos nun cesto, estade tranquilos. Preocupados os pais preguntáronlle: - Como atravesaches o río? e Teotónio respondeu: -Encima da miña chaqueta-. Os pais ficaron incrédulos, pero no regreso confirmaron o don divino de Teotónio ó atravesar o río Miño de regreso a Ganfei.

É venerado como santo por diversas confesións cristiás. En Valença do Minho podemos atopar unha escultura na súa honra.



                                                                                   Escultura de São Teotónio en Valença 


Fonte: www.nortept.com / Imaxe: es.wikipedia.org

miércoles, 22 de enero de 2014

A fotogrametría dixital aplicada ó patrimonio


O ser humano sempre intentou capturar o que o rodea. A necesidade de representar ruínas e monumentos estendeuse como unha praga a partires do século XVIII e todavía hoxe non parou pero, que dirían os viaxeiros do Grand Tour se soubesen que hoxe podemos capturar en minutos as tres dimensións dun obxecto?

Cada día preséntanse novos achados que ata agora só cabían en lendas de ciencia ficción e centos de expertos arqueólogos, historiadores da arte, restauradores...comezan a pensar como aproveitar estas ferramentas no estudo do patrimonio. Unha delas é a fotogrametría dixital. Esta configúrase coma un método para captar documentación no patrimonio cultural. A mellora e impulso que viviu este método nos últimos anos situárona como unha alternativa de garantías respecto ó outro método de documentación e obtención masiva de datos: o Escáner 3D. Coa fotogrametría dixital podemos construír un modelo 3D a partir dun grupo de fotografías dun obxecto ou edificio, obtendo en poucas horas a representación tridimensional precisa daquilo que fotografásemos.



As vantaxas que dita técnica ofrece coa súa aplicación ó patrimonio son innumerables. En primeiro lugar, é completamente gratuíta ou, en todo caso, alcanzable. Por outro lado, permite que calquera estudoso da fotogrametría poida realizar os seus propios levantamentos tridimensionais cunha cámara dixital ou, mesmo, cun bo smartphone. Terceiro, achega unha cantidade de información superada en poucas ocasións pola que se consegue co escáner láser. E xa, para rematar, presenta unhas posibilidades didácticas e divulgativas extraordinarias, podendo ser unha boa porta para a difusión do noso patrimonio e a creación de coñecemento.

Non obstante, non todo van ser bondades. O uso da fotogrametría por xente non experta pode dar lugar a resultados de dubidosa calidade científica. Ademáis debemos considerar que para o correcto uso da técnica é necesaria unha alta iluminación difusa xa que levala a cabo en lugares escuros ou excesivamente iluminados pola luz do sol trae consigo molestos erros. E certo que vivimos unha das épocas máis fascinantes para o estudo do patrimonio e temos a inmensa sorte de toparnos con restos de pasados inesperados que podemos estudar con técnicas dun futuro ata agora imposible, pero o que deberemos ter sempre en conta é que a fotogrametría é unha ferramenta, non un fin.


Fontes: 
  • Aparicio Resco, Pablo. La fotogametría digital para la documentación 3D del patrimonio. Dispoñible na web: http://queaprendemoshoy.com
  • http://www.patrimoniovirtual.com
  • Imaxe: http://www.arquestil.com





viernes, 17 de enero de 2014

Paulo Fabio Máximo e a fundación de Lugo


Unha mañá calurosa de verán, Paulo Fabio Máximo subía o outeiro seguindo ó seu agrimensor. Ó chegar ó cume voltou a súa mirada ó camiño recorrido e o que viu encheulle de gozo, as vistas sobre o val do río eran espléndidas: divisábase en dirección oeste un vasto territorio de bosques de carballos con madeira suficiente para iniciar os primeiros traballos e, en dirección contraria, o terreo era máis pendente ata chegar ó val máis próximo polo que transcorrían varios regatos.

Antes de iniciar os traballos de reformulación, Paulo Fabio Máximo tivo que consultar os auspicios coa finalidade de asegurarse de que os deuses non se opoñían ó establecemento dunha cidade no lugar escollido. Os augures confirmáronlle os bos auspicios e, no mesmo momento en que un correo de Roma trouxo á expedición a noticia do nomeamento de Augusto como Pontífice Máximo da relixión no imperio, dúas aves rapaces sobrevoaban o bosque designado para fundar a nova cidade.

No transcurso da cerimonia o fundador procurou coidadosamente que toda a terra levantada pola reixa caese ó interior do recinto, e tras el os asistentes recolleron os terróns que ás veces saltaban fóra e volvíanos botar onde o rito establecía. O ritual de delimitación do territorio debería ser completado por outros dous, ámbalas dúas cerimonias de consagración.

Paulo Fabio Máximo, agradecido a César e satisfeito pola elección dun bosque tan belo para fundar a capital do convento, consagrouna baixo quen lle dera orde de fundala co nome de Bosque Sagrado de Augusto. Todo o que albergara os muros da cidade tamén sería consagrado a Augusto. Era o ano 12 a.C e así quedou escrito para os vindeiros séculos nos catro monolitos fundacionais da nova cidade.






Fonte: www.celtiberia.net; Les Villes Romaines (Pierre Grimal, Ed. Vergara, 1956)/ Fotografía: Adorian